O Souto é, en efecto, un lugar especial. Artéllano bosques mestos de carballo, freixo e loureiro que custodian o río Sar entre Compostela e Bertamiráns. Alén do seu valor ambiental, trátase dun territorio cargado de patrimonio cultural que, a pesar diso, vén padecendo graves ameazas e unha fonda desatención institucional. Desde 2020, está candidatado no Concello de Santiago como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), por iniciativa do tecido asociativo.
Esta pequena guía ten como obxectivo difundir e socializar os valores do Souto. Ademais de consultar cartografías, roteiros ou elementos patrimoniais, poderás participar non proxecto de catalogación da súa biodiversidade. A defensa deste territorio pasa en primeira instancia por coñecelo e dalo a coñecer. Esta páxina é un convite a simplemente iso, exploralo. Coñecer para protexer.
A propia natureza desta guía reflicte a filosofía que sustenta este proxecto. Trátase dunha iniciativa de base, nacida da colaboración entre a Plataforma pola Recuperación do Río Sar, o Colectivo A Rula e o estudantado de primeiro curso do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio, nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo da USC. A través desta alianza, a guía acompañará o proceso cara á declaración definitiva do Souto como espazo natural protexido. Vémonos no Souto!